domingo, 23 de diciembre de 2012

UNIDADES DE MEDIDA TRADICIONAIS

E AS SÚAS EQUIVALENCIAS
A substitución das antigas unidades de medida polas súas equivalentes no sistema métrico decimal iniciouse a mediados do século XIX pero as reticencias da poboación a abandonalas e as dificultades para establecer as equivalencias ralentizaron a efectividade das leis promulgadas por distintos gobernos do XIX e tamén do XX de maneira que a métrica tradicional permaneceu moi apegada ás xentes do rural. Nunha economía baseada nos intercambios locais seguramente non facía falta adaptarse á uniformidade do sistema métrico.
A raíña Isabel II asinaba en 1849 unha lei que instituía oficialmente o sistema métrico decimal en España. A Gaceta de Madrid -o BOE da época- publicaba as equivalencias métricas das antigas medidas tomando como referente unicamente as capitais de provincia. No caso da provincia de Ourense cifrábanse en 1998 as medidas usuais nos 97 concellos e pobos da provincia polo que a aplicación das equivalencias en litixios que debían resolverse aplicando o sistema métrico, podía resultar moi diversa. Como sucede con moitas leis unha cousa era o que dicía e outro que a xente facía así que ata 1880, os gobernos da Restauración houberon de ditar normativa que lembraba a obrigatoriedade de usar o sistema métrico decimal. A complexidade das unidades de medida que se utilizaban en España dificultaba a uniformidade nos sistemas de medir e no rural as equivalencias tardaron en seren asimiladas.
No 1878 o catedrático de Instituto Antonio Valcárcel recollía todas as medidas e as súas equivalencias na provincia de Ourense para coñecemento dos alumnos de ensino público e tamén dos funcionarios para facilitar a transición cara o novo sistema. 

MEDIDAS DE CAPACIDADE PARA ÁRIDOS
Ferrado no muíño da Tía María - Ponte Mazaira
A fanega é a medida de capacidade máis usada para os cereais se ben tamén se aplica este termo á superficie sementada polo gran que entra nesa capacidade. O mesmo sucede co ferrado, medida de capacidade que debe o seu nome ó recipiente trapezoidal de madeira empregado como referencia que estaba reforzado nos cantos con ferro.
Dependendo do tipo de gran, a equivalencia destas unidades co sistema métrico variaba en función do produto a medir: o pan (é dicir, o centeo), tan propio e abundante nas Terras de Montederramo, e o trigo, mídense ás rapadas pasando un raseiro pola medida. O millo, os nabos, o liño, as castañas, as fabas.. e outras sementes mídense ás cheas colmando o recipiente.
A tega, tamén moi usual na parte oriental de Galicia é unha medida de capacidade de cereais equivalente ó ferrado. As equivalencias do ferrado e da fanega co sistema métrico decimal son as seguintes:


Ferrado ou tega de centeo rapado
14,54 litros
Ferrado ou tega de millo ás cheas ou colmado
19,01 litros
Fanega de centeo rapado equivale a 5 ferrados
72,70 litros

Outras medidas usadas na xurisdición de Montederramo referidas no Catastro de Ensenada, son o almude, medida tamén empregada para líquidos, o cuartillo e a maquía.


Almude
22 cuartillos
13,33 litros
Cuartillo ou cuarterón
1/24 ferrado ás cheas
0,79 litros
Cuartillo ou cuarterón
1/24 ferrado rapado
0,61 litros
Maquía rasa
1/6 de ferrado
2,42 litros

No mencionado Catastro non se cita o copelo, unidade que recolle Isabel Fernández Justo coas seguintes equivalencias:


Copelo (ás cheas)
1/30 ferrado
0,63 litros
Copelo (rapado)
1/30 ferrado
0,48 litros


Continuará...


 

jueves, 20 de diciembre de 2012

GALLAECIA PETREA
 
A exposición Gallaecia Petrea da Cidade da Cultura contén algunhas pezas de grande interese arqueolóxico que proveñen das terras de Caldelas ou proximidades. Recollemos aquí dúas desas pezas:
A primeira delas é unha ventá monolítica con dous arcos divididos por un parteluz. Na base deste un pequeniño arco de ferradura evidencia a influencia islámica. A ventá pertence á igrexa de san Xoán de Camba, moi cerca de Castro Caldelas.
A segunda consiste na pía bautismal de santa María de Torbeo, no concello de Ribas de Sil (Lugo). O seu considerable tamaño explícase seguramente porque estaba destinada ó bautismo por inmersión, práctica frecuente ata o século XV. Aparece decorada con letras e símbolos na banda superior e con motivos xeométricos na inferior reiterándose a cruz inscrita en círculos ou cadrados. É de granito e realizouse a finais do século XII.



domingo, 9 de diciembre de 2012


MUÍÑO DA PONTE MAZAIRA

O muíño da Tía María ou do Fermín aparece citado no Catastro de Ensenada (1752-1753) como un dos catro muíños da parroquia de San Cosme. Dous deles estaban no lugar da Ponte Mazaira se ben un estaba xa daquela totalmente arruinado e consecuentemente fóra de uso. Pertencía o dito Muiño da Ponte Mazaira a un tal Jacinto Álvarez, constaba dunha soa moa de pedra negra e moía durante catro meses do ano con augas do río Humano, que con  ese nome se cita no referido catastro o río Mao. O muíño actual debeu ser polo tanto modificado e ampliado posto que consta de dúas moas. Tal como o coñecemos leva funcionando desde 1897, data que reza no dintel da porta.  A presa desde a que sae a caldeira que move os rodicios elevouse nalgunhas fiadas o que causou algún que outro conflito entre o Concello de Montederramo e o titular do muíño. 




domingo, 4 de noviembre de 2012

MANUEL(A) A MULLER LOBA


Nesta ponte do 1 de novembro Allariz acolleu unhas Xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta organizadas pola Fundación Vicente Risco. Segundo recolle o diario El País, Fernando Serrulla, experto en Antropoloxía Forense corrobora a posibilidade exposta hai uns anos por X.R. Mariño Ferro de que en realidade o Home Lobo é realmente unha Muller Loba. Ou media, posto que padecía unha rara enfermidade de pseudohermafroditismo feminino: “tiña sexo de muller pero, a causa deste pseudohermafroditismo, segregaba una cantidade desmesurada de hormonas masculinas e sufriu un proceso de virilización.”
Segundo esta teoría, non ía desencamiñada a persoa que a inscribiu en 1809 no rexistro de nacementos de Esgos como Manuela, nin se trataba dun erro do párroco de turno.
Por se fora poucas as novidades, presentou Serrulla un novo rostro para Manuel. Ata agora coñecíamos a reconstrución realizada por L. García Mañá no 1991 pero analizando as descricións dos médicos que participaron no proceso seguido en Allariz, Verín e a Coruña contra Manuel polos asasinatos cometidos, Serrulla recompuxo a cara do Sacaúntos.
Polas ladeiras da Serra de San Mamede que unen Rebordechao con Montederramo deberían atoparse as claves de moitos misterios que rodean este personaxe tan singular que acusao de 9 asasinatos librou do garrote vil gracias a intervención da raíña Isabel II. Quizais permanezan soterrados por alí os restos óseos das mulleres e nenos asasinados por Manuel. Descoñécese onde se atopan os do Home do Unto, polo que probas de ADN a descendentes dalgún dos seus irmáns, -Manuel non tivo fillos aínda que estivo casado un tempo- poderían aclarar moitas dúbidas.

Reconstrución F. Serrulla
Reconstrucción García Mañá



http://blogs.larioja.com/historias/2012/11/02/romasanta-el-hombre-lobo-era-una-mujer/

jueves, 27 de septiembre de 2012

UN ALGO DE MÚSICA

Estes gaiteiros e tamborileiros -os Esparramáns- interpretan a peza "Pasodoble de Bembrive" de Marcos Castro. Obtiveron neste mes de setembro o 4º premio do concurso Reveriano Soutullo de Ponteareas 2012 que xa vai pola 45ª edición.
Que que ten que ver con Montederramo? Vai ti ver!

sábado, 15 de septiembre de 2012

PERSONAXES:

O Home do unto

Rebordechao (Vilar de Barrio) desde a Serra do San Mamede
O Homo do unto, Home lobo, Sacamanteigas ou Lobishome é o protagonista de numerosas publicacións (Vicente Risco, Alfredo Conde O Home Lobo de Allariz, Carlos Martínez El bosque de Ancines...) e de populares películas como El bosque del Lobo (1970) de Pedro Olea, Romasanta, la caza de la bestia (2004) de Paco Plaza.
Manuel Blanco Romasanta (figura como Manuela na partida de nacemento) naceu en Regueiro, concello de Esgos, o 18 de novembro de 1809. Aprendiz de todo e mestre de nada andivo de caseiro, traballou de xastre, de tecelán, cordeleiro, na seitura e xobre todo de vendedor ambulante non so por Galicia adiante senón tamén por Castela, León e Norte de Portugal.
As terras de Montederramo e as súas xentes están intimamente relacionadas co Home do unto quen pervive na memoria popular dos adultos para atemorizar ós máis cativos. E non é para menos porque segundo el mesmo por un estrano maleficio que o convertía el lobo, extraía o unto das súas vítimas para vendelo con excesivo lucro para confeccionar potingues nas boticas portuguesas
A maior parte dos crimes que a xustiza isabelina lle atribuíu (9, aínda que el autoinculpouse de 13 asasinatos) tiveron como escenario habitual A Redondela e as Gorbias na vertente de Montederramo da serra de San Mamede. Polos seus camiños conduce as súas vítimas -mulleres e nenos da familia García Blanco de Laza e dos Rúa de Rebordechao- para buscarlle acomodo fóra do Reino de Galicia. Enganados, as pertenzas das vítimas eran vendidas por por Romasanta entre as xentes de Montederramo, Paredes, Gabín, Mazaira ou Fontedoso.
Camiños da Serra do San Mamede
Fuxido da xustiza acabou por ser recoñecido em Nombela, pobo da provincia de Toledo onde fuxira cunha identidade falsa: Antonio Gómez, veciño de Nogueira de Montederramo. Repatriado a Galicia foi xuzgado en Verín, Allariz e na Audiencia da Coruña. Condeado a garrote vil o seu caso ten unhaampla repercusión internacional e consegue o indulto da raíña Isabel II quen lle conmuta a pena de morte por cadea perpetua. O seu final é incerto. Morre segundo afirman uns no cárcere de Allariz, segundo outros pasou os últimos días da súa vida en Ceuta onde morreu de cancro de estómago o 14 de decembro de 1863.
Manuel Romasanta,, cometera ou non os crimes que a xustiza lle atribúe e el agranda, condeado polo asasinato de mulleres e nenos dos que nunca apareceron os corpos, vaga aínda hoxe polo imaxinario popular das nosas xentes quizáis porque busca de novas presas.

Para ampliar información:
Dominguez González, Xosé. Romasanta, historia cierta de una leyenda. http://www.ourensedixital.com/romasanta/via3/index.htm

miércoles, 5 de septiembre de 2012

SOLTEIROS - CASADOS 15-8-2012

Entre as actividades organizadas pola Comisión Das Festas da Asunción e de San Roque de Montederramo cabe mencionar o encontro disputado entre dous -non podían ser menos nin máis- equipos: o dos que se din casados (foto inferior, por se hai dúbidas) e dos que se din asi mesmos solteiros (por exclusión, a foto superior). O partido, que rematou cun xusto empate a tres goles, foi contemplado por decenas de afeccionados que se desprazaron a área recreativa da Ponte Mazaira na tarde do 15.



sábado, 21 de julio de 2012


PERSONAXES:

Benito Dionisio Mojón

Aínda que nacido en Villarejo de Fuentes (Cuenca) o día 9 de outubre de 1732 seu pai, Benito Mojón, era natural de Vilanova, parroquia de San Pedro de Gabín. Nesta localidade do concello de Montederramo (Ourense) situada ó pé da serra do San Mamede, casaron Benito Mojón e Ana Domínguez o día 11 xullo de 1731.
Benito Dionisio Moxón ingresou na orde dos xesuías.  O xesuita laico Pasou polo colexio de Villarejo de Fuentes e de Alcalá ata a expulsión da orde por parte de Carlos III. Como tantos outros xesuítas chegou a Italia onde residiu e fundou en 1772 na via di Fossatello, a célebre farmacia Mojon, que desparecerá cos bombardeos aliados en 1943. Exerceu tamén como profesor de Química na Universidade de Xénova (Italia). Nesta cidade publicou a obra titulada Pharmacopoen Manuali Reformata (1784).
O seu fillo Benito chegou a ser un reputado cirurxán que estivo ás ordes de Napoleón na batalla de Marengo fronte os austríacos. O outro fillo, José, tamén levaba o da mediciña no sangue. Estableceuse en París e a el se lle atribúe a invención do método para a extracción da placenta en casos de hemorraxia. Publicou varias obras, entre elas a Mémoire sur les effets de la castración sur les corps humain (Montpellier, 1804) A tradución da obra non é necesaria e os efectos mellor non pensar neles.

Fontes:
Antonio Valcarcel  Dominguez: antoniovalcarcel.blogspot.com
http://histoire-ducastel.over-blog.com/

jueves, 5 de julio de 2012


PERSONAXES:

Frei Atanasio de Lobera


A Biblioteca Cisterciense Española cita a Frai Atanasio de Lobera, fillo del monasterio de Monte de Ramo, hoy colegio de Filosofía (sic), natural do pobo rioxano de Herce. Descoñécese a data exacta do seu nacemento, a da súa morte ocorreu en 1605 en Valladolid.
Este monxe bernardo ingresou no mosteiro de Montederramo, do que foi abade a mediados de XVI. Doutor en Teoloxía, converteríase en cronista de Felipe II. Atribúenselle varias obras de contido histórico e haxiográfico: Historia de las grandezas de la muy antigua y insigne ciudad y Iglesia de León (Valladolid, 1598), Cronología de los reyes de España (impresa en Valladolid, 1602), Epístola Historial al rey Felipe II (Madrid, 1601), Vida de Fray Benito de Salamanca, Vida del beato Ignacio, ambos monxes do mosteiro zamorano de La Moreruela e unha inacabada Crónica Grande del Reino de Galicia redactada a principios do XVII.
De todas elas so se localizan exemplares da primeira (Historia de León) impresa según algúns autores no 1596, non no 98. Da Crónica Grande do Reino de Galicia, redactada cara 1604, coñécese un fragmento en borrador no que se ocupa da descrición física e da etapa fundacional do Reino. Da fundación de Galicia destaca “a calidad de los fundadores: el mismísimo patriarca Noé lo habitó, y a él se debe el origen de poblaciones como Noia y Navia (...) Foi en Galicia, segundo o Padre Lobera, onde se asentou Noé e os seus acompañantes e descendentes porque ninguna tierra en España ni, por dicha, en el mundo, se podía hallar para vivir los hombres más acomodada que ésta. Aínda que non usaba o galego consideraba o bernardo que esta lingua graciosa,suave, elegante, sentenciosa y que en pocas palabras compreende mucho, y mejor que otra la esencia de lo que va tratando.

SEIJAS MONTERO, M. “Análisis sociológico y actividad cultural de los claustros cistercienses en la Galicia moderna” Estudios Humanísticos. Historia. Nº 9, 2010, pp. 25-49
CÁTEDRA, Pedro M. LÓPEZ-VIDRIERO, M. Luisa El Libro Español VI: De Libros, Librerías, Imprentas y Lectores, Ediciones Universidad de Salamanca, 2002
ARIAS FERNÁNDEZ, A.ISABEL Los apuros económicos de Fray Atanasio de Lobera, Arqutorio: revista de la Asociación Cultural Monte Irago, 2003. Nº 10
SAAVEDRA, P. La Galicia que vio nacer y crecer a Gregorio Fernández. “Cuadernos de estudios galegos” 2010
MUÑIZ , ROBERTO. Biblioteca cisterciense española. Edicion dixital. http://books.google.com Páx. 207

viernes, 29 de junio de 2012

PERSONAXES:
Juan Caramuel: un erudito no mosteiro


En tempos de Carlos V, concretamente no 1518, o mosteiro de Montederramo, seguindo o proceso centralizador iniciado polos Reis Católicos con outros mosteiros galegos, incorporouse á Congregación de Castela. A medida significou, por unha parte, o abandono de pequenos mosteiros convertidos en adiante en prioratos e granxas pero tamén unha fonda renovación arquitectónica e un florecemento cultural importante a partir do século XVI. Boa mostra da renovación arquitectónica e do impulso cultural de Montederramo foron a construción da grandiosa igrexa e dos claustros renacentistas e a fundación dunha Escola de Artes polas que pasarán os alumnos máis avantaxados da orde bernarda.

Seguramente que o alumno máis avantaxado que estudou entre as paredes do mosteiro foi o erudito Juan Caramuel Lobkowitz (Madrid, 1606 – Vigevano,1682), alcumado o Leibniz español. O cisterciense, logo de estudar en Alcalá de Henares e no mosteiro castelán de La Espina instruíuse en Filosofía en Montederramo e en Teoloxía en Salamanca. Exerceu como abade en distintos mosteiros europeos e foi bispo en varias cidades entre elas Vigevano, na Lombardía italiana.

Caramuel cultivou todas as artes do saber do XVII: a filosofía, a teoloxía, a arquitectura, a matemática, a gramática. O Padre Feijoo opinaba que era un Home verdadeiramente divino, cuxa universal e eminente erudición está inconcusamente acreditada cos innumerables volumes que deu a luz, e admira o mundo, en todo xénero de letras. Entre as máis de 260 obras que escribiu, a maior parte delas en latín, destacan Explicación mystica de las armas de España (Bruselas, 1639), Defensa de la Monarquía, Respuesta al Manifiesto de Portugal (Amberes, 1642), Arquitectura civil, recta y oblicua (Vigevano, 1678) ou Syntagma de arte Typographica (Lyon, 1644), considerada como o primeiro tratado da arte da imprenta. Políglota, -atribúeselle o dominio duns 20 idiomas-, mantivo relación epistolar con eruditos do seu tempo como Quevedo, Descartes, Tomás Cornelio ou o mesmo Fabio Chigi, futuro Papa Alexandre VII.

Fontes: 
SEIJAS MONTERO, M. “Análisis sociológico y actividad cultural de los claustros cistercienses en la Galicia moderna” Estudios Humanísticos. Historia. Nº 9, 2010, pp. 25-49

viernes, 22 de junio de 2012

PERSONAXES:

O Tenente Coronel Domingo Fernández





Na Veiga, parroquia de Sas do Monte, naceu Domingo Fernández Fernández, fillo dun tal Juan e dunha tal Catalina, o día 10 de marzo de 1827. Tivo unha azarosa vida de contrastes: recoñecementos e notorios éxito como militar que combate ás cabilas africanas e os carlistas e misteriosos episodios rodean a súa existencia.
Por algunha estraña razón non chegou a casar con Josefa Giménez y Alucela a pesar de tramitado e serlle concedido polas autoridades militares o permiso pertinente que el mesmo solicitara. O tribunal militar que lle concede o permiso cre que “no hay inconveniente en que se conceda al interesado la indicada gracia” E tamén precisa que de enviuvar, a futura esposa quedará “sin opción a derechos o pensiones de no morir el recurrente en acción de guerra o de sus resultados”. A súa morte, na Veiga, en 1877, aconteceu en estrañas circustancias. Ó parecer, segundo testemuñas verbais, foi envenenado. A acta de defunción firmada por Luis Losada curra da parroquia de San Pedro de Sas do Monte o dezasete de novembro de mil oitocentos setenta e sete afirma que Domingo Fernández y Fernández, Tenente Coronel, “hijo legítimo de Juan ya difunto y Catalina Fernández natural de la Veiga de esta parroquia, murió el quince del mismo de muerte repentina, por lo que no recibió ningún Sacramento por artículo mortis. Se le hubo el entierro, honras y cabo de año con cinco Señores Sacerdotes, por disposición de su madre”
Foi Domingo Fernández un destacado militar que participou en numerosas accións e destacadas accións da Guerra de África como Castillejos, Tetuán, Wad Ras... e en distintas accións da III Guerra Carlista. Os servizos prestados foron recoñecidos polos seus mandos con diversas medallas e condecoracións entre as que sobresaliron a Cruz da Orde Militar de San Hermenegildo concedida en 1870 polo Rexente do Reino, o xeneral Serrano e, no 1876, xa durante o reinado de Alfonso XII, foi declarado Benemérito da Patria polos servizos prestados durante a campaña Carlista no Maestrazgo, en Treviño...

Fontes
- http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.1670.php
- Artigo de Antonio Valcarcel Dominguez


martes, 5 de junio de 2012

Montederramo. Desde Galicia para el Mundo

sábado, 14 de abril de 2012

A vida no Mosteiro - Actualizados

En decembro de 2011 o programa Actualizados da TVG recollía a testemuña dalgúns veciños de Montederramo que viviron, viven ou asisten ó colexio ubicado no claustro reglar do mosteiro.