viernes, 29 de junio de 2012

PERSONAXES:
Juan Caramuel: un erudito no mosteiro


En tempos de Carlos V, concretamente no 1518, o mosteiro de Montederramo, seguindo o proceso centralizador iniciado polos Reis Católicos con outros mosteiros galegos, incorporouse á Congregación de Castela. A medida significou, por unha parte, o abandono de pequenos mosteiros convertidos en adiante en prioratos e granxas pero tamén unha fonda renovación arquitectónica e un florecemento cultural importante a partir do século XVI. Boa mostra da renovación arquitectónica e do impulso cultural de Montederramo foron a construción da grandiosa igrexa e dos claustros renacentistas e a fundación dunha Escola de Artes polas que pasarán os alumnos máis avantaxados da orde bernarda.

Seguramente que o alumno máis avantaxado que estudou entre as paredes do mosteiro foi o erudito Juan Caramuel Lobkowitz (Madrid, 1606 – Vigevano,1682), alcumado o Leibniz español. O cisterciense, logo de estudar en Alcalá de Henares e no mosteiro castelán de La Espina instruíuse en Filosofía en Montederramo e en Teoloxía en Salamanca. Exerceu como abade en distintos mosteiros europeos e foi bispo en varias cidades entre elas Vigevano, na Lombardía italiana.

Caramuel cultivou todas as artes do saber do XVII: a filosofía, a teoloxía, a arquitectura, a matemática, a gramática. O Padre Feijoo opinaba que era un Home verdadeiramente divino, cuxa universal e eminente erudición está inconcusamente acreditada cos innumerables volumes que deu a luz, e admira o mundo, en todo xénero de letras. Entre as máis de 260 obras que escribiu, a maior parte delas en latín, destacan Explicación mystica de las armas de España (Bruselas, 1639), Defensa de la Monarquía, Respuesta al Manifiesto de Portugal (Amberes, 1642), Arquitectura civil, recta y oblicua (Vigevano, 1678) ou Syntagma de arte Typographica (Lyon, 1644), considerada como o primeiro tratado da arte da imprenta. Políglota, -atribúeselle o dominio duns 20 idiomas-, mantivo relación epistolar con eruditos do seu tempo como Quevedo, Descartes, Tomás Cornelio ou o mesmo Fabio Chigi, futuro Papa Alexandre VII.

Fontes: 
SEIJAS MONTERO, M. “Análisis sociológico y actividad cultural de los claustros cistercienses en la Galicia moderna” Estudios Humanísticos. Historia. Nº 9, 2010, pp. 25-49

viernes, 22 de junio de 2012

PERSONAXES:

O Tenente Coronel Domingo Fernández





Na Veiga, parroquia de Sas do Monte, naceu Domingo Fernández Fernández, fillo dun tal Juan e dunha tal Catalina, o día 10 de marzo de 1827. Tivo unha azarosa vida de contrastes: recoñecementos e notorios éxito como militar que combate ás cabilas africanas e os carlistas e misteriosos episodios rodean a súa existencia.
Por algunha estraña razón non chegou a casar con Josefa Giménez y Alucela a pesar de tramitado e serlle concedido polas autoridades militares o permiso pertinente que el mesmo solicitara. O tribunal militar que lle concede o permiso cre que “no hay inconveniente en que se conceda al interesado la indicada gracia” E tamén precisa que de enviuvar, a futura esposa quedará “sin opción a derechos o pensiones de no morir el recurrente en acción de guerra o de sus resultados”. A súa morte, na Veiga, en 1877, aconteceu en estrañas circustancias. Ó parecer, segundo testemuñas verbais, foi envenenado. A acta de defunción firmada por Luis Losada curra da parroquia de San Pedro de Sas do Monte o dezasete de novembro de mil oitocentos setenta e sete afirma que Domingo Fernández y Fernández, Tenente Coronel, “hijo legítimo de Juan ya difunto y Catalina Fernández natural de la Veiga de esta parroquia, murió el quince del mismo de muerte repentina, por lo que no recibió ningún Sacramento por artículo mortis. Se le hubo el entierro, honras y cabo de año con cinco Señores Sacerdotes, por disposición de su madre”
Foi Domingo Fernández un destacado militar que participou en numerosas accións e destacadas accións da Guerra de África como Castillejos, Tetuán, Wad Ras... e en distintas accións da III Guerra Carlista. Os servizos prestados foron recoñecidos polos seus mandos con diversas medallas e condecoracións entre as que sobresaliron a Cruz da Orde Militar de San Hermenegildo concedida en 1870 polo Rexente do Reino, o xeneral Serrano e, no 1876, xa durante o reinado de Alfonso XII, foi declarado Benemérito da Patria polos servizos prestados durante a campaña Carlista no Maestrazgo, en Treviño...

Fontes
- http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.1670.php
- Artigo de Antonio Valcarcel Dominguez


martes, 5 de junio de 2012

Montederramo. Desde Galicia para el Mundo