miércoles, 30 de julio de 2014

Peche CEIP San Mamede

AMARGURA

En plenas vacacións escolares a Xunta de Galicia oficializa o que viña sendo un rumor entre os veciños: o peche do CEIP San Mamede. Así de fríos son o DOG e a nota de prensa. Máis fríos que as naves da igrexa conventual, que xa o son bastante.
En setembro, cando os rapaces de toda Galicia volvan a reencontrarse cos compañeiros, coas aulas e cos mestres, os nenos e nenas de Montederramo terán que experimentar novas sensacións nun entorno descoñecido, nun colexio situado máis lonxe da súa casa, xogarán con novos compañeiros entre muros de ladrillo lucidos e pintados. Non volverán a abrir os libros nin a prender o ordenador entre as paredes do Claustro Procesional. Acabáronse os brincos, os berros e o privilexio de iniciarse nos estudios nun dos colexios de primaria máis fermosos de Galicia, entre espléndidas e artísticas bóvedas de crucería, arcos oxivais, contrafortes e paredes historiadas.
Seguramente mestres e alumnos, cal peregrinos ou veciños de épocas pasadas, atravesado o arco de medio punto que dá acceso ó Claustro da Hospedería a través dunha fermosa bóveda de casetóns, a pouco que se deixasen levar pola imaxinación escoitaron o murmurio dos monxes no locutorio, os veciños da zona en busca de xaropes e compotas servidos polo monxe boticario e incluso puideron ouvir o eco de maitines e vísperas dos frades aliñados nos sitiais do coro.
A mesma bóveda nervada que une os dous claustros contemplou séculos atrás o tránsito de novicios e monxes cistercienses que desde distintos lugares de España viñan a cursar estudos ó prestixioso Colexio de Artes e Filosofía no que se formaron ilustres personaxes. Cambian os tempos e agora son os rapaces de Montederramo quen teñen que ir fóra; ó Castro, a Maceda, a Ourense e de Erasmus a sabe Deus onde. Ben certo é que quen máis, quen menos, marchou fóra a estudar. Pero tamén é ben certo que os que se van en setembro son ben pequenos.
Sen dúbida que saberán saír adiante alá onde vaian pero a confianza neles non pode borrar a amargura dos maiores que quedan. Este vaise i aquel vaise e todos, todos se van aventuraba nos seus poemas Rosalía.

Noticias relacionadas

domingo, 20 de julio de 2014

Montederramo 1956 - 2012

Estes mapas, obtidos do Instituto de Estudios do Territorio, permiten comparar a evolución da parroquia de Montederramo desde 1956, data da cartografía proporcionada polo famoso vó americano dese ano ata o 2012. O crecemento urbanístico é evidente. No censo de poboación de 1960 o concello de Montederramo contaba con 4796 habitantes de dereito mentres que esa cantidade reducíase drásticamente a 894 habitantes en xaneiro de 2012 (Fonte: INE)