domingo, 4 de noviembre de 2012

MANUEL(A) A MULLER LOBA


Nesta ponte do 1 de novembro Allariz acolleu unhas Xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta organizadas pola Fundación Vicente Risco. Segundo recolle o diario El País, Fernando Serrulla, experto en Antropoloxía Forense corrobora a posibilidade exposta hai uns anos por X.R. Mariño Ferro de que en realidade o Home Lobo é realmente unha Muller Loba. Ou media, posto que padecía unha rara enfermidade de pseudohermafroditismo feminino: “tiña sexo de muller pero, a causa deste pseudohermafroditismo, segregaba una cantidade desmesurada de hormonas masculinas e sufriu un proceso de virilización.”
Segundo esta teoría, non ía desencamiñada a persoa que a inscribiu en 1809 no rexistro de nacementos de Esgos como Manuela, nin se trataba dun erro do párroco de turno.
Por se fora poucas as novidades, presentou Serrulla un novo rostro para Manuel. Ata agora coñecíamos a reconstrución realizada por L. García Mañá no 1991 pero analizando as descricións dos médicos que participaron no proceso seguido en Allariz, Verín e a Coruña contra Manuel polos asasinatos cometidos, Serrulla recompuxo a cara do Sacaúntos.
Polas ladeiras da Serra de San Mamede que unen Rebordechao con Montederramo deberían atoparse as claves de moitos misterios que rodean este personaxe tan singular que acusao de 9 asasinatos librou do garrote vil gracias a intervención da raíña Isabel II. Quizais permanezan soterrados por alí os restos óseos das mulleres e nenos asasinados por Manuel. Descoñécese onde se atopan os do Home do Unto, polo que probas de ADN a descendentes dalgún dos seus irmáns, -Manuel non tivo fillos aínda que estivo casado un tempo- poderían aclarar moitas dúbidas.

Reconstrución F. Serrulla
Reconstrucción García Mañá



http://blogs.larioja.com/historias/2012/11/02/romasanta-el-hombre-lobo-era-una-mujer/