AMARGURA
En
plenas vacacións escolares a Xunta de Galicia oficializa o que viña
sendo un rumor entre os veciños: o peche do CEIP San Mamede. Así de
fríos son o DOG e a nota de prensa. Máis fríos que as naves da igrexa
conventual, que xa o son bastante.
En
setembro, cando os rapaces de toda Galicia volvan a reencontrarse cos
compañeiros, coas aulas e cos mestres, os nenos e nenas de
Montederramo terán que experimentar novas sensacións nun entorno
descoñecido, nun colexio situado máis lonxe da súa casa, xogarán
con novos compañeiros entre muros de ladrillo lucidos e pintados.
Non volverán a abrir os libros nin a prender o ordenador entre as
paredes do Claustro Procesional. Acabáronse os brincos, os berros e
o privilexio de iniciarse nos estudios nun dos colexios de primaria
máis fermosos de Galicia, entre espléndidas e artísticas bóvedas
de crucería, arcos oxivais, contrafortes e paredes historiadas.
Seguramente
mestres e alumnos, cal peregrinos ou veciños de épocas pasadas,
atravesado o arco de medio punto que dá acceso ó Claustro da
Hospedería a través dunha fermosa bóveda de casetóns, a pouco que
se deixasen levar pola imaxinación escoitaron o murmurio dos monxes
no locutorio, os veciños da zona en busca de xaropes e compotas
servidos polo monxe boticario e incluso puideron ouvir o eco de maitines e
vísperas dos frades aliñados nos sitiais do coro.
A
mesma bóveda nervada que une os dous claustros contemplou séculos
atrás o tránsito de novicios e monxes cistercienses que desde
distintos lugares de España viñan a cursar estudos ó prestixioso
Colexio de Artes e Filosofía no que se formaron ilustres personaxes.
Cambian os tempos e agora son os rapaces de Montederramo quen teñen
que ir fóra; ó Castro, a Maceda, a Ourense e de Erasmus a sabe Deus
onde. Ben certo é que quen máis, quen menos, marchou fóra a
estudar. Pero tamén é ben certo que os que se van en setembro son
ben pequenos.
Sen
dúbida que saberán saír adiante alá onde vaian pero a confianza
neles non pode borrar a amargura dos maiores que quedan. Este vaise i
aquel vaise e todos, todos se van aventuraba nos seus poemas
Rosalía.
Noticias relacionadas
No hay comentarios:
Publicar un comentario