domingo, 23 de diciembre de 2012

UNIDADES DE MEDIDA TRADICIONAIS

E AS SÚAS EQUIVALENCIAS
A substitución das antigas unidades de medida polas súas equivalentes no sistema métrico decimal iniciouse a mediados do século XIX pero as reticencias da poboación a abandonalas e as dificultades para establecer as equivalencias ralentizaron a efectividade das leis promulgadas por distintos gobernos do XIX e tamén do XX de maneira que a métrica tradicional permaneceu moi apegada ás xentes do rural. Nunha economía baseada nos intercambios locais seguramente non facía falta adaptarse á uniformidade do sistema métrico.
A raíña Isabel II asinaba en 1849 unha lei que instituía oficialmente o sistema métrico decimal en España. A Gaceta de Madrid -o BOE da época- publicaba as equivalencias métricas das antigas medidas tomando como referente unicamente as capitais de provincia. No caso da provincia de Ourense cifrábanse en 1998 as medidas usuais nos 97 concellos e pobos da provincia polo que a aplicación das equivalencias en litixios que debían resolverse aplicando o sistema métrico, podía resultar moi diversa. Como sucede con moitas leis unha cousa era o que dicía e outro que a xente facía así que ata 1880, os gobernos da Restauración houberon de ditar normativa que lembraba a obrigatoriedade de usar o sistema métrico decimal. A complexidade das unidades de medida que se utilizaban en España dificultaba a uniformidade nos sistemas de medir e no rural as equivalencias tardaron en seren asimiladas.
No 1878 o catedrático de Instituto Antonio Valcárcel recollía todas as medidas e as súas equivalencias na provincia de Ourense para coñecemento dos alumnos de ensino público e tamén dos funcionarios para facilitar a transición cara o novo sistema. 

MEDIDAS DE CAPACIDADE PARA ÁRIDOS
Ferrado no muíño da Tía María - Ponte Mazaira
A fanega é a medida de capacidade máis usada para os cereais se ben tamén se aplica este termo á superficie sementada polo gran que entra nesa capacidade. O mesmo sucede co ferrado, medida de capacidade que debe o seu nome ó recipiente trapezoidal de madeira empregado como referencia que estaba reforzado nos cantos con ferro.
Dependendo do tipo de gran, a equivalencia destas unidades co sistema métrico variaba en función do produto a medir: o pan (é dicir, o centeo), tan propio e abundante nas Terras de Montederramo, e o trigo, mídense ás rapadas pasando un raseiro pola medida. O millo, os nabos, o liño, as castañas, as fabas.. e outras sementes mídense ás cheas colmando o recipiente.
A tega, tamén moi usual na parte oriental de Galicia é unha medida de capacidade de cereais equivalente ó ferrado. As equivalencias do ferrado e da fanega co sistema métrico decimal son as seguintes:


Ferrado ou tega de centeo rapado
14,54 litros
Ferrado ou tega de millo ás cheas ou colmado
19,01 litros
Fanega de centeo rapado equivale a 5 ferrados
72,70 litros

Outras medidas usadas na xurisdición de Montederramo referidas no Catastro de Ensenada, son o almude, medida tamén empregada para líquidos, o cuartillo e a maquía.


Almude
22 cuartillos
13,33 litros
Cuartillo ou cuarterón
1/24 ferrado ás cheas
0,79 litros
Cuartillo ou cuarterón
1/24 ferrado rapado
0,61 litros
Maquía rasa
1/6 de ferrado
2,42 litros

No mencionado Catastro non se cita o copelo, unidade que recolle Isabel Fernández Justo coas seguintes equivalencias:


Copelo (ás cheas)
1/30 ferrado
0,63 litros
Copelo (rapado)
1/30 ferrado
0,48 litros


Continuará...


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario