martes, 15 de octubre de 2013

Romancha Cabaqueira do Rosal


O Pasado 12 de Outubro o Rosal (Pontevedra) acollía a XXVI Edición da Festa dos Cabaqueiros. No pregón lembrouse a relación entre algúns relleiros naturais da parroquia de Salcidos (A Guarda) e Montederramo: Este é o fragmento íntegro: 
"O Sr Eulogio, e os seus fillos Gumersindo e Anselmo Gándara, foron a facer cabacos desde principios dos anos 40 ata 1961 ás frías terras da montaña ourensá, alí onde carpinteiros coma meu pai ou o sr Gelasio facían arados e carros. Ata alí se desprazaban pai e fillos, a finais de abril, acompañados dun burro que cargaba o xusto para a viaxe e o imprescindible para poñerse a lasquear unha vez chegados. Testemuña da súa actividade queda na toponimia local. Se aquelas terras de Montederramo visitades e lle preguntades a alguén onde queda a Telleira, seguro que vos indican o lugar exacto onde a cuadrilla baixomiñota amasaba o barro cos pés ou coa axuda do burro que, como se dunha noria se tratase, daba voltas ó redor dun bidón provisto dun eixe vertical con aspas a xeito de amasadora. A Telleira, está a uns dous ou tres km dos núcleos habitados máis próximos, nas proximidades dun regato, tamén chamado da Telleira, a uns 900 metros de altitude. Alí as noites ben frías non eran ningunha excepción incluso nos meses de verán o que impedía demasiadas veces que secasen cabacos e toupas. Na mesma telleira, nun caseto duns catro por oito metros, comían e durmían. Apenas saían senón para comprar na tenda do Sr. Jaime unhas saborosas frebas de porco ou a buscar unhas verzas e unhas patacas para facer o caldo; ou para ir a feira do doce quen sabe se para axustar uns carros de leña para o forno ou se a pechar a venta dalgúns centos de tellas -a 35 pesos o cento- con algún paisano que necesitase botar o tellado dalgunha palleira."

Veciños de Montederramo con Sindo (no centro)
Foto cedida por Anselmo Gándara

No hay comentarios:

Publicar un comentario