martes, 27 de septiembre de 2011

Así describía don Ramón as Terras de Montederramo

A brava serra do Burgo, cinguida ca entrana do S. Mamede e Queixa, comeza ben perto de Montederramo e seus cotos monótonos e encostados chegan con outuras de 1.000 m a seis ou oito kilómetros da vila do Castro. As maiores cumes están en ringleira dende Fitoiro cos outos da Crus deica os termos de Paredes e Montederramo. Rabal, moi cinguida co Castro, siñifica o tránsito á terra de serra esgrevia de Queixa. Sas do Monte, a Medorra, Abeledos, Marrubio, forman nas relaciós e veciñanza de Montederramo. Iste lugar, soado na historia monástica e pola feira, servirá pra demarcal-a terra de Caldelas. Empeza polo monte de Gabín, de arredondeada feitura no hourizonte de San Mamede. O Gabín pódese considerare o derradeiro erguemento de propia serra. Da serra, contorneando o Gabín, baixa o fermoso torrente Mao, cheo de moíños e presas. Vai por Santa María de Nogueira pra descer, rachando encostas esporentes ó Sil, pola Pena da Espada e Cristosende. As raiosas pendentes de Couceliños vístense de cepas anunciando a mesta ribeira da Teixeira. O Mao dibuxa o lindeiro caldeláu. Pola banda do río concede caráuter ás paisaxes o monte de cerne e graciosa individoalidade da Carosa. Cos seus 800 metros, ou perto deles, preside a ribeira.

Otero Pedrayo, R: Historia de Galiza. Vol I. Nós. Buenos Aires, 1962. Páx. 119

No hay comentarios:

Publicar un comentario